Cargando...

Programa

Obxectivos:

- Visibilizar e defender o papel dos empregados públicos, en particular, do Grupo A (corpo facultativo superior, corpo superior, así como as diferentes escalas ou subescalas que os conforman) da Xunta de Galicia.

- Dignificar e potenciar o recoñecemento social.

- Acadar unha mellora nas condicións económicas e de traballo das persoas que integran o Grupo A da Xunta de Galicia.

- Profesionalizar e acadar un maior grao de independencia dos servizos públicos na consecución dunha “boa Administración”, baseada nos principios de obxectividade, axilidade, transparencia, eficacia, eficiencia...

- Constituírse en interlocutor coa Administración na defensa dos intereses e dereitos do Grupo A da Xunta de Galicia.

 Desenvolvemento:

Levaremos a cabo unha defensa e promoción do papel dos empregados públicos, nabúsqueda dun recoñecemento social que dignifique e recobre a imaxe da Función Pública. A crítica e a mala imaxe que se desprende dos empregados públicos por parte da sociedade, constitúe unha constante que nos acompaña desde antes do Vuelva usted mañana, se ben, quizá, durante este longo período de crise veuse agravada, constituíndo o centro de moitas das críticas sociais, en non poucas ocasións, internamente apoiadas por declaracións dos nosos propios representantes.

Traballaremos por transmitir a importancia que xogan as institucións na estabilidade e no progreso da sociedade, desde una acción obxectiva, transparente e independente e polo tanto, a que desde a nosa labor diaria, continuada e non interrompida, de boa administración, xogamos os empregados públicos.

Desde esta formación, particular importancia se lle dará a esta líña de acción, mediante a búsqueda e fomento dunha administración mais profesionalizada, áxil e de servizo directo ao cidadán, coa responsabilidade coa cidadanía sempre como mecanismo condutor das nosas actuacións.

Esixir a equiparación salarial dos funcionarios do Grupo A da Xunta de Galicia entre si de xeito que o nivel de entrada, a igual cualificación, sexa o mesmo para todos. Resulta necesario propoñer o establecemento dun nivel mínimo para os postos ocupados por persoal funcionario do Grupo A da Xunta de Galicia acorde coa súa cualificación, tal como xa se lles recoñece a algúns corpos especiais da Administración autonómica.

Este reposicionamento do persoal funcionario do Grupo A no seo do sector público autonómico permitirá tamén que os seus membros non teñan que concorrer xunto con membros doutros Corpos nas etapas iniciais das súas carreiras administrativas, mantendo cada corpo o espazo que lle é propio.

Propoñer a eliminación da diferenza nas retribucións dos postos de Servizos Centrais respecto dos das Xefaturas Territoriais, ao entender que responde a una situación histórica xa superada

Solicitar a equiparación salarial cos funcionarios do Grupo A doutras Administracións. Tal e como poñen de manifesto diferentes informes as retribucións de todos os empregados públicos da Administración autonómica de Galicia resulta notoriamente inferior á media salarial dos empregados públicos das Administracións españolas, pero esta diferenza é aínda maior no caso dos funcionarios do Grupo A posto que se ben no caso doutros corpos da Administración autonómica, as súas retribucións achéganse á devandita media, no caso do Grupo A da Xunta de Galicia son de lonxe os peor pagados de toda España.

Solicitar que, aos efectos dun concurso de traslados e/ou dun concurso específico se lle recoñezan aos funcionarios do corpo non só a formación que reciben senón tamén a queimparten. Fronte ao que ocorre con respecto a funcionarios doutros Grupos, que, normalmente, son unicamente receptores de formación, no caso dos funcionarios do Grupo A, os seus integrantes deben compatibilizar a docencia coa súa condición de alumnos, formándose primeiro para despois poder formar. O tempo que invisten en preparar e impartir as súas clases debe ser recoñecido na medida en que durante ese tempo non poden asistir a formación, coa conseguinte perda potencial de puntos nun concurso de traslados.

Demandar unha formación específica para os funcionarios do Grupo A, promovendo a existencia dunha oferta formativa adecuada ao desempeño da carreira profesional. Neste sentido, resulta necesario ofertar un Programa de Formación Directiva e Predirectiva, dirixido á adquisición de competencias profesionais que esixen o exercicio da función directiva e que previamente figuran nun catálogo. Neste sentido proponse solicitar ou promover coa EGAP que se imparta formación específica en xestión de proxectos reservada ao Grupo A.

En relación con isto, débese esixir que os procesos de selección tanto ordinarios (acceso libre e promoción interna) como “extraordinarios” (convocatorias de “consolidación”, “funcionarización”, “integración de persoal funcionario doutras administración públicas”), manteñan unhas esixencias de mérito e capacidade suficientes e acordes coas esixencias do desempeño do Grupo A.

Exixir unha maior frecuencia, máximo cada 2 anos, na convocatoria dos concursos de traslados, reducindo á mínima expresión, os desprazamentos de persoal en calidade de comisións.

Propoñer que se convoquen coa regularidade e periodicidade precisa, máximo cada 2 anos, as prazas vacantes nos procesos selectivos co fin de diminuír a temporalidade, garantir a continuidade e calidade dos aspirantes que aproben así como permitir que continúe sendo unha aspiración para os que non o superen.

Participar no deseño dos procesos selectivos para o Grupo A co fin de contribuír a que conten cuns mínimos de esixencia tanto no súa configuración como na súa execución. Neste sentido, requirirlle á Dirección Xeral da Función Pública que o número de temas do

programa das convocatorias así como o seu contido resulte adecuado para garantir que os aspirantes a ser empregados públicos do Grupo A demostren un nivel de coñecementos razoable e axeitado en atención ás funcións a desempeñar no exercicio da súa profesión.

10º Pedir a aprobación dunha norma que defina claramente cales son as funcións dos funcionarios dos diferentes corpos do Grupo A. É imprescindible que se adecúe o deseño dos postos e dos métodos de traballo ás necesidades da acción pública actual, que require de profesionais altamente cualificados e de formas de xestión áxiles e eficaces. Por tal razón cómpre demandar unha norma que sirva para acadar a necesaria certeza na determinación das funcións que corresponde desempeñar aos funcionarios do Grupo A e que se faga enfocándoas á unha xestión dirixida aos resultados mediante a adquisición do dominio de ferramentas e competencias tales como a xestión por proxectos pilotada polos propios servidores públicos, o establecemento de equipos de traballos por criterios funcionais (e non só orgánicos) e a mellora do traballo en rede.

11º Propoñer a creación dunha verdadeira carreira profesional do Grupo A que implique o deseño dun marco de competencias profesionais adecuado ás funcións que debe desempeñar, que permita unir a garantía de imparcialidade aos coñecementos técnicos e a actualización, que posibilite o deseño e a institucionalización de itinerarios profesionais que permitan ao persoal funcionario definir os seus propios “portfolios” e crear unha base de datos na que se inclúan estes por vontade das persoas interesadas, garantindo ao personal funcionario un desempeño acorde aos seus intereses e titulación.

12º Propoñer a implantación do sistema de concurso específico como método xeral de provisión dos postos de nivel predirectivo ocupados por persoal do Grupo A da Xunta de Galicia de igual modo que na Administración Xeral do Estado.

13º Velar porque a Selección das Comisións de valoración así como os criterios a valorar relativos a méritos e capacidades, estean baseados na transparencia e obxectividade de forma que nos aseguremos a elección dos mellores candidatos.

14º Vixiar que nas bases das convocatorias de concurso nas que concorramos con personal funcionario doutros grupos, se incremente o peso da pertenza ao corpo respecto do vinculado á antigüidade ou se eliminen disfuncións tales como, por exemplo, que non se valore o curso de directivos (para o cal debería voltar a convocarse o dito curso).

15º Formular oposición á irrupción da figura do persoal directivo externo, limitando a posibilidade de acudir a este e garantindo o seu carácter subsidiario, é dicir, para os casos cuxa especialización técnica non poida ser atopada entre os empregados públicos.

16º Elaborar protocolos de actuación para aquelas situacións nas que os empregados públicos, no exercicio das súas funcións, podan verse inmersos en agresións tanto físicas como verbais. Definir claramente estas situacións a partir das cales a propia administración deberá encargarse de levar a cabo as actuacións necesarias que permitan recobrar a dignidade do empregado incluíndo a súa defensa xurídica se así fora necesario. Non se entende doutra forma se queremos que os empregados públicos e en pos dos intereses xerais, cheguen ata as últimas consecuencias sen que a súa labor se vexa minguada por este tipo de prácticas, fundamentalmente en aquelas labores de vixilancia, inspección e obriga do cumprimento do ordenamento xurídico administrativo.

 

Queridos compañeiros, en definitiva, traballar polos nosos dereitos, pola nosa imaxe, por cambiar as inercias e funcionamento dos servizos públicos, tratando de garantir uns servizos, áxiles, obxectivos, transparentes e de calidade, acordes ás exixencias dos tempos nos que vivimos, toda vez que se recoñeza nos diferentes ámbitos, tanto institucional como social o noso traballo.

 

 Para iso, solicitamos a túa confianza neste proxecto e a túa colaboración no futuro.

 

 

  Esperamos o teu apoio