Cargando...

Novas Mais Novas

Sentidiño con sentidiño

25/10/2020

foto  Sentidiño con sentidiño

Dende o Sindicato de Empregados Públicos de Galicia (SEPGA), téntase facer unha crítica construtiva, buscamos o consenso, a aportación, solucións aos problemas, procuramos poñer da nosa parte para superar obstáculos, e neste senso enviamos esta petición que cremos que representa o sentir de boa parte do persoal da Xunta de Galicia.


Estamos profundamente preocupados pola expansión da pandemia da Covid-19, e aínda que a Xunta acertou con algunhas medidas, é evidente que está superada en moitos aspectos. Dende estas liñas imos tentar aplicar o sentidiño, slogan da campaña da Xunta, “con sentidiño”.


A Xunta de Galicia declarou a alerta vermella, entre outros lugares, en Santiago de Compostela. O Goberno central ven de declarar o estado de alarma, decretando o “toque de queda a nivel nacional” entre as 23:00 horas e as 06:00 horas, deixándolle ás Comunidades Autónomas unha marxe dunha hora para reaxustar dita franxa horaria.


Nesta situación, na que, non caso de Santiago de Compostela, non é posible manter reunións con non conviventes, ten sentido que á capital de Galicia sigan chegando autobuses ateigados de persoal da Xunta de Galicia?

Dito persoal permanece entre tres e catro horas en autobuses, nos que na maioría dos casos, a totalidade das prazas ocúpanse. Tendo en conta ademais que proceden de distintas localidades e que, ao chegar a Santiago, se dispersan por todas as dependencias da Xunta de Galicia, o risco de contaxio e de difusión da pandemia entre a xente coa que se relacionan (persoal da Xunta, familia, veciñanza,...) aumenta exponencialmente.

Se a todo iso sumamos que moitas destas persoas residen en localidades con unha importante incidencia da Covid 19, o coktel explosivo xa está montado. So falta que explote.

Dende o SEPGA estamos convencidos que a adopción do teletraballo, entre o persoal de calquera administración ou empresa pública ou privada, é unha das medidas máis efectivas para protexer a saúde das persoas e para evitar a expansión da pandemia.

Deste xeito protexerase a todo o persoal, tanto ao que teletraballe, como a aquel que sexa imprescindible que desenvolva o seu traballo de forma presencial. Ao mesmo tempo, contribuirase a impedir que o Sistema Sanitario de Galicia se sature, co que iso podería supoñer se chega a pasar.

As vantaxes do teletraballo son múltiples. Entre outras: elimina tempos e gastos de desprazamentos; evita os riscos propios do desprazamento, riscos que non son menores no caso do uso de transporte público tendo en conta os centos de traballadoras e traballadores que se desprazan cada día dende toda Galicia ao seu centro de traballo en autobús e tren; permite unha mellora significativa na conciliación; etc. E un factor que quizáis non se tivo en conta ata o de agora, reduce o estrés do persoal polo medo, respecto ou inquedanza ao contaxio no autobús, no tren, no posto de traballo, á hora da comida,... . Ese estado de alerta constante, evidentemente, diminúe a produtividade laboral e, como está mais que demostrado, provoca un debilitamento do seu sistema inmunitario.

 

Tendo en conta o exposto e a situación actual da pandemia pola Covid 19, dende o Sepga propoñemos:


- A APROBACIÓN INMEDIATA DO TELETRABALLO POR SITUACIÓN DE RISCO GRAVE POLA PANDEMIA COVID 19, con carácter xeral para todo o persoal que o poida desenvolver, mentres que a incidencia na Comunidade non baixe dos 50 casos por 100.000 habitantes medido nas ultimas dúas semanas.

- Que, respecto da atencións que dende as administracións se debe prestar á cidadanía, se continúe co sistema de cita previa, se reforce a atención telefónica e se reforce a prestación de servizos por vía telemática.

- Así mesmo, deberanse implementar as medidas necesarias, en coordinación con outras administracións ou entidades públicas ou privadas, para evitala discriminación daquelas persoas que carezan de medios ou da formación necesaria para o adecuado uso dos servizos electrónicos, vía internet, públicos ou privados.

Esta quizáis foi unha das carencias que notou a cidadanía durante o teletraballo forzado polo confinamento, xa que en moitos casos foi imposible devolver chamadas co sistema de desvío dos teléfonos fixos ao non quedar rexistrado o número no teléfono particular do persoal da Xunta de Galicia. Noutros casos, como pasou na ensinanza, moitos nenos e nenas en idade escolar e moitos estudantes de secundaria, da formación profesional, da universidade, escolas de idiomas,... non accederon á formación ou fixérono dun xeito deficiente.

É por elo que, considérase necesaria a aprobación de protocolos/instruccións para unha atención telefónica centralizada a nivel das unidades administrativas ou dos órganos superiores o 012 non está a dar información concreta e pormenorizada aos cidadán que chaman directamente ás unidades administrativas). Consideramos que, grazas a unha mellora na produtividade e diminución de tempos e procesos, pola implementación da tramitación electrónica total nunha gran maioría de procedementos, se podería dar unha atención telefónica de calidade co persoal actual cunha organización adecuada que fixese que os administrados non se sentisen desamparados.

    Que, no caso de detección dun positivo nunha unidade administrativa (ou unidade asimilable), dende o mesmo día da sospeita do positivo, toda a unidade pase a réxime de teletraballo ata que Saúde Pública decida sobre a necesidade ou non do confinamento do persoal afectado.

Dende o SEPGA solicítase que, polo ben de todo o persoal e da cidadanía en xeral, estas propostas sexan adoptadas o máis axiña posible pola Xunta de Galicia.