Cargando...

Novas Mais Novas

CONCURSO ESPECÍFICO: ALEGACIÓNS AO BORRADOR DE BASES

13/02/2025

foto  CONCURSO ESPECÍFICO: ALEGACIONES AL BORRADOR DE BASES

Despois de dez anos desde a publicación da Lei 2/2015, de Emprego Público de Galicia, e tras insistir en cada reunión ou mesa sectorial de funcionarios da obrigación de desenvolver o seu artigo 91º, a Dirección Xeral de Emprego Público deu un primeiro paso ao presentar un borrador regulador das bases para a provisión de postos mediante Concurso Específico (CE).

Ata o de agora, ante as reclamacións realizadas, a Consellería de Facenda e Administración Pública indicaba que era unha competencia das consellerías, mentres que estas alegaban que se debería dispoñer dunhas bases ou protocolos fornecidos por Emprego Público, tal e como figura no artigo 20º de o  D.151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, creándose así un perfecto circulo vicioso.

Por iso recoñecemos este primeiro paso dado pola Dirección Xeral de Emprego Público, elaborando este borrador que, aínda que na nosa opinión é mellorable, constitúe sen dúbida un impulso cara á normalización deste tipo de concurso e á vez atende á necesidade do funcionariado afectado por atoparse nunha situación de comisión de servizos forzosa durante moitos anos ou que ten como obxectivo acceder mediante un sistema máis obxectivo e profesional a prazas nas que considera que pode achegar un desempeño acorde coas necesidades dunha administración pública moderna.

Por tanto reclamamos que este proceso non se deteña e ínstese ás consellerías para proceder a publicar, de forma ordenada, as convocatorias daquelas prazas que figuren nas súas RPT e débanse prover mediante CE. Evidentemente de nada serviría dispoñer de unhas bases se as consellerías non proceden a aplicalas; por iso unha vez publicada a Resolución, é evidente que a pelota queda no tellado de todas as consellerías. Neste sentido, animamos a que a Consellería competente en Administración Pública sirva de exemplo e inicie as convocatorias, dado que non pode establecer un prazo de execución que obrigue ao resto de consellerías.

Evidentemente, hai métodos de provisión de postos específicos máis avanzados e desenvolvidos que o que a Administración Autonómica pretende instaurar, pero entendemos que este é un inicio, non un final, nunha marcha para profesionalizar a administración autonómica galega, e nese sentido trasladamos as nosas alegacións, que sendo realistas e baseadas no borrador fornecido, pretenden achegar e se é posible puír e mellorar determinadas circunstancias.

Para non ser redundantes, animámosvos a que accedais ao documento de alegacións que contén esta páxina, no que abordamoslos distintos puntos e brindamos uns principios xerais que deben ordenar o proceso.