Cargando...

O concurso específico: a historia interminable no país de Nunca Xamais

Administrador admin (15/05/2026)

foto título

Desde fai máis dunha década, na Lei 2/2015 do emprego público de Galicia e logo no regulamento de mobilidade, o concurso é o procedemento normal de provisión de postos de traballo para o persoal funcionario e pode ser ordinario ou específico.

Aínda que nas RPT hai un número importante de postos de concurso específico, as consellerías responsables de realizalos non fixeron nada para cumprir ás obrigacións legais excepto unha resolución da Dirección Xeral de Emprego Público. A totalidade dos postos de concurso específico continúan provistos mediante o sistema de comisión de servizos durante períodos moi superiores ao máximo establecido legalmente e en ningún caso procedese á convocatoria do concurso específico.

Así, o procedemento “normal” non se convoca e o “excepcional” é habitual e funciona como un reloxo. Aínda que o concurso é o sistema normal para cubrir determinados postos, na práctica, os concursos específicos pertencen máis ao país de Nunca Xamais cá realidade administrativa: anos, lustros —camiño de décadas— sen aparecer.

O SEPGA quere manifestar que a maioría das persoas funcionarias non está conforme con isto, porque queremos e promovemos unha administración profesional ao servizo da cidadanía.

Isto convirte a normativa en papel mollado e multiplica a inxustiza tanto para as persoas dos grupos A que queren aspirar a ocupar estes postos a través dun sistema regrado e transparente como para aquelas que, tras ocupalos en comisión de servizos dende fai moitos anos, non teñen estabilidade nin consolidan grao, sen recoñecemento real dese tempo nos concursos. Anos de traballo… que non contan. Outra cuestión máis a engadir ao inicial agravio da carreira profesional, recortes nas pagas, décadas sen concursos e problemas coas prazas...

Ademais, hai un prexuízo xeral pois en moitos casos se bloquean dous postos para os concursos, xa que supoñen dúas comisións de servizos, a praza do concurso específico e a que tiña orixinalmente a persoa.

O SEPGA reclama un desbloqueo desde hai moito tempo nas mesas de negociación e nas reunións coas consellerías. Fai dous meses remitimos unha comunicación (da que vos xuntamos copia) a todas as Secretarías Xerais Técnicas instando a convocar o concurso específico. Ata o día de hoxe un atronador silencio como resposta.

Xa que logo, non é un problema organizativo, senón unha cuestión política polo que contactaremos e solicitaremos reunións cos grupos políticos representado no parlamento galego e coa valedora do pobo para que insten ao executivo autonómico a cumprir coa súa obriga normativa, e trasladarémolo aos medios de comunicación para o seu coñecemento pola cidadanía que é, ao fin e ao cabo, o noso único cliente.

Xa está ben. Moitas persoas senten que, como Sísifo, foron entregadas a un castigo exemplar, empuxar unha rocha costa arriba por unha montaña; pero, antes de chegar á cima volvía rodar cara abaixo, feito que se repetía unha e outra vez como exemplo do frustrante do proceso.

 

Sísifo cansou de empuxar a pedra. Non pedimos nada extraordinario:

Convoquen os concursos específicos!

Comentarios Recientes

Destacados

Tu Opinión